
Como estaba anunciado, os días 29 e 30 celebráronse na Facultade de Ciencias da Educación as Xornadas de Pedagoxía Libertaria organizadas por Xuventude Ákrata!, as cales contaron cunha notable asistencia, acudindo ó redor dunha trintena de persoas ámbolos dous días.
O primeiro día comezou coa charla de Antonio Vara, onde se falou principalmente da inevitable necesidade da autoridade como medio de liberación humana e tralo que se deu un longo e interesante debate tanto nesa cuestión como noutras que se trataron ou foron saíndo, como por exemplo o tema da ciencia ou a educación pública.
Tras case dúas horas e co respectivo descanso, pasouse á charla-coloquio, xa con menor afluencia de persoas, pero coas suficientes para levar a cabo un debate sobre as formas de educación que existen actualmente, aínda que acabou pasando por outros temas como o primitivismo.
Ó día seguinte, proxectouse primeiramente o documental sobre Francisco Ferrer i Guardia "Viva la Escuela Moderna", co que se introduciu a aproximación histórica á pedagoxía libertaria, que sería do que trataría a exposición de Eliseo Fernández, o cal nos daría unha charla dende a Escola Moderna ata Pedro García Olivo e a súa negación absoluta da escola formal. Trala intervención de Eliseo pasouse á rolda de preguntas, das que varias versaron sobre o futuro que ten a pedagoxía libertaria ou a súa implantación en latinoamérica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario