lunes, 21 de mayo de 2012

O anarquismo na acción.


Antes de 1880.

Os comezos da práctica anarquista vense enraizados tanto na I Internacional, como en organizacións clandestinas conspirativas e insurreccionais. O principal motor da acción revolucionaria está na clase obreira. A idea foi exposta por Proudhon, sendo a obra máis influínte neste sentido “A Capacidade Política da Clase Obreira”, onde se consideraba que eran os propios traballadores quenes se tiñan que liberar por sí mesmos. Este libro sería un apoio fundamental na posterior constitución dos sindicatos revolucionarios, especialmente da CGT francesa. Foron tamén os proudhonianos, uns dos que máis empeño puxeron en que se formase a I Internacional, pero ainda así, máis que o proletariado industrial, no anarquismo son os sectores sociais máis baixos (onde se inclúe ó lumpenproletariado, pequenos propietarios ou xornaleiros agrícolas) os que se considera que poden ter maior capacidade de acción transformadora ó sufrir máis directamente os males do sistema, que afectarían a todo o mundo. Se ven non había unha liña de acción definida, mezclábase por un lado a organización da clase traballadora nas diferentes seccións da Internacional, e polo outro lado levábase a cabo a práctica insurreccionalista, provocando levantamentos pola xeografía europea. O propio Bakunin é un bo exemplo de ambas formas. Foi a figura máis importante do anarquismo na Internacional, e creou coa Alianza Internacional da Democracia Socialista unha extensa red de militantes libertarios que entrarían despois na AIT, e tamén fundou, por outra banda, conspiracións e o grupo da Fraternidade Internacional, con carácter secreto e insurreccional. Él mesmo participou directamente en levantamentos insurreccionais, aínda que que en moitos casos tivesen carácter liberal, como a Revolución de 1848.

Propaganda polo feito.

A partir dos anos 80 a tradición insurreccionalista aumenta e acaba contemplándose a violencia como único medio para alcanzar a revolución. Kropotkin sinalou a finais de 1880 no periódico Le Révolté, que “a revolta permanente mediante a palabra, o impreso, o puñal, o fusil, a dinamita (…), todo o que non sexa legalidade é bo para nós”1. Realmente, polo tanto, a propaganda polo feito como teoría non supón necesariamente a acción violenta, pero abre as portas a ela.

Influenciados polo nihilismo ruso (sendo este país un dos máis activos deste tipo de práctica revolucionaria) e afastándose da sociedade das masas, que abrazaba os postulados socialdemócratas, organizados na II Internacional e que polo tanto se alonxaban das posicións revolucionarias, os atentados anarquistas extendéndense, organizándose os militantes en pequenos grupos clandestinos e sufrindo a represión tanto estas personas coma todas as que tivesen un mínimo de relación co anarquismo. Mesmo as organizacións socialdemócratas criticaban a práctica anarqusita, a parte de por razóns teóricas, porque lles dificultaba o seu obxectivo de aumentar a capacidade de sufraxio.

Existía un extremo purismo no que se refire ás formas que os anarquistas deberían adoptar para non estar “infectados” de centralismo, polo que o localismo e os pequenos grupos de afinidade que realizasen prácticas ilegais veíase como o adecuado e necesario para evitar o centralismo que supondría a organización a gran escala e a creación dunha estrutura formal. Había ocasións, sen embargo, onde non se pode saber a ciencia certa ata qué punto os que realizan este tipo de accións ilegais son convencidos revolucionarios ou simples delincuentes. Un exemplo sería o de Ravachol, que acabaría sendo máis vanagloriado por artistas románticos que por militantes anarquistas.

Despois duns dez anos, os propios anarquistas déronse conta da situación negativa á que lles levou a propaganda pola acción. Veían que sen organización, e sen contacto coas masas, as súas forzas mermaban. Esto, e os intentos de penetrar nos congresos da II Internacional, da que expulsaran oficialmente ós anarquistas pero permitían a entrada de sindicalistas, fixo que progresivamente militantes anarquistas fosen entrando cada vez máis nos sindicatos e volvendo a enlazar co obreirismo, figurándose de paso como referencia do antiparlamentarismo, xa que o marxismo insurreccional non tiña todavía influencia, e sen ligarse necesariamente á clandestinidade. Nace, desta maneira, o anarcosindicalismo.


Anarcodincalismo.

O anarcosindicalismo non foi, sen embargo, posición falta de críticas dentro do movemento libertario. Criticábaselle un excesivo espíritu práctico e participar do capitalismo por formar parte del. Malatesta, quen xa intentara fundar o Partido Anarquista Socialista Revolucionario, o que nos da idea de que entendía a necesidade de organización, tiña moita preocupación en que o sindicalismo se convertese nun fin, pola súa practicidade inmediata, en vez de utilizarse como medio revolucionario e en que se produxese unha burocratización e xerarquización dos xerentes sindicais. Asimesmo, tamén existía a crítica en cuanto o sindicalismo absorvería todo tipo de relación social, marxinando as que se producen fóra do ámbito la loita de clases e reducindo as expresións da opresión nunha relación económica.

Finalmente, pola dinámica da incorporación dos anarquistas nos sindicatos para participar na II Internacional e tamén por parte dos elementos máis obreiristas, que sempre houbo, o anarcosindicalismo acabou sendo a tónica dominante dentro do movemento libertario porque era a maneira de volver a conectar coas masas e esta fórmula tivo éxito. Comezaron introducíndose nas Bolsas de Traballo de Francia a finais do XIX, e concretaríase en 1902 coa unión da Federación de Bolsas e a Confederación Xeral do Traballo (CGT), sendo a CGT o paradigma do sindicalismo revolucionario, onde o anarquismo levaría o peso principal ainda que non estaba só, xa que existían tamén marxistas que buscaban a unión dos traballadores por riba das ideoloxías, a semellanza da I Internacional. En Italia, dado que os anarquistas estaban en minoría na Confederazione Generale del Lavoro (CGL), entraron nas cámaras de Traballo, as cales tiñan un carácter local e de resistencia, e en 1919, xunto a sindicalistas revolucionarios, fundaron a Unione Sindicale Italiana (USI). En España, onde o anarquismo tivo maior arraigo, crearíase en 1907 Solidaridad Obrera (en Cataluña), que daría lugar en 1910 á Confederación Nacional do Traballo (CNT). Tamén en América Latina os anarquistas impulsaron grandes sindicatos como a FORA en Arxentina.

Así, o anarcosindicalismo logrou a reaparición do movemento libertario na escena despois da decadencia á que lle levou a propaganda pola acción e a reclusión en pequenos grupos para actuar mediante o terrorismo en vez de organizarse en agrupacións de masas. Tamén é certo, sen embargo, que moitas das teimas que tiñan os anarquistas respecto dos sindicatos quedaron cumplidas. Os sindicatos revolucionarios, ainda considerándose anarcosindicalistas, adoptaron teorías do marxismo e tamén certas prácticas, e foron bastantes os que pasaron a ser, tempo despois, dominados polos marxistas (como o caso da CGT francesa), ou no caso español, despois da revolución social de 1936, a CNT formou parte do goberno republicano e acabou sendo absorvido por este.


BIBLIOGRAFÍA.

GUERIN, Daniel.: El anarquismo, Campo Abierto Ediciones, Madrid, 1978.
JOLL, James.: La Segunda Internacional: 1889-1914, Icaria, Barcelona, 1976.
PANIAGUA, Javier.: El anarquismo, Grupo 16, Madrid, 1985.
WOODCOCK, George.: El anarquismo. Historia de las ideas y movimientos libertarios, Ariel, España, 1979.
 
1Cita sacada de GUÉRIN, Daniel.: El anarquismo, Campo Abierto, Madrid, 1978 p.60.

Escrito por D.A.T.

No hay comentarios:

Publicar un comentario