viernes, 22 de abril de 2011

Unha ollada ó Movemento Estudantil en Compostela no curso 2010/11


O curso que está xa cerca de rematar trouxo consigo movementos importantes no seno do estudantado da Universidade de Santiago. En primeiro lugar, pola creación da Asemblea de Estudantes da USC, que seguramente produciu as maiores accións, e tamén polémicas. Esta asemblea aberta, nacida a partir do impulso da Asemblea de Historia, que xa convocara con éxito unha manifestación para esa facultade, logrou unha grande afluencia do estudantado nas súas primerias reunións, e un éxito no seguimento da folga e manifestación convocada en decembro. Pero foi tamén esa manifestación un momento de ruptura entre o estudantado militante, xa que debido á acción antiasemblearia de Sindicato de Estudantes, Comités, e MEU (que só tiña un día de existencia), que se autoerixiron como representantes do alumnado fronte a Casares Long, sen ter ningún aval democrático, e á ocupación temporal e espontánea por parte de máis de 50 estudantes da vicerreitoría, produciuse unha sucesión de condenas da ocupación e a saída das tres organizacións da Asemblea Xeral, á que só volvería acudir momentáneamente un pequeno sector de Comités.

Así pois, a situación quedou enmarcada en Comités, SE, Asemblea Xeral, e o recentemente creado MEU, escisión pola dereita de Comités. Tras estes movementos, a Asemblea Xeral sufriu certamente un recorte de militancia, mais a pesar diso non deixou de ser o colectivo máis combatente dentro das organizacións especificamente estudantís. Así, produciuse a ocupación durante 5 días do Pazo de Fonseca, que por desgracia non tivo éxito nas súas reivindicacións, e soamente houbo outra acción na rúa por parte do Sindicato de Estudantes, que realizaron unha xornada xeral de mobilización en todo o Estado o 30 de Marzo, e pasou pola cidade sen pena nin gloria. En xeral, obsérvase polo tanto unha baixada da mobilización con respecto ó inicio do curso.

Outro feito destacable é a ruptura de Comités, a ate o de agora organización estudantil máis grande de Galicia. Produciuse primeiro a saída de MEU, que como xa expresamos, foi unha ruptura do sector dereitista. Actualmente non é un grupo moi grande pero conta cunha presenza considerable en determinadas facultades. Máis tarde foi a ruptura, máis importante, da maioría dos estudantes afiliados a Comités, e que constituíron a Liga Estudantil Galega. Esta ruptura produciuse, sobre todo, polo excesivo control e dirixismo que a UPG facía, privando de voto a determinados membros, por exemplo. Así, anunciaron esta escisión como unha maneira de crear unha organización aberta a todo o mundo, asemblearia, etc. e lóxicamente, independente de todo partido político. Sen embargo, a parte de que a ampla maioría da militancia está tamén nas filas de Galiza Nova, observamos nos cargos que a maioría son militantes de Isca!, o brazo xuvenil do MGS. Vemos polo tanto, que o único que cambiou no estudantado nacionalista foi a división de Comités das diferentes ramas do Bloque. Deixando á marxe a AGIR, integrada no MLNG (Nós-UP), e que participa na Asemblea Xeral, temos a MEU, Comités e LEG dentro da órbita do BNG, aínda que defendendo diferentes correntes dentro da mesma organización que mama e á vez alimenta ó sistema capitalista.

No hay comentarios:

Publicar un comentario